Thursday 19 de September de 2024

Un selo conmemorativo recorda a figura da poeta Luísa Villalta


O Concello, en colaboración coa Sociedade Filatélica da Coruña, promoveu esta edición especial en conmemoración do Día das Letras Galegas. A alcaldesa, Inés Rey, fixo entrega do selo á familia da escritora

Remataron os traballos de creación do mural dedicado á escritora, promovido polo Concello e Gadis da man da autora é Lidia Cao

A alcaldesa, Inés Rey, fixo entrega á familia de Luísa Villalta dun selo conmemorativo protagonizado pola poeta con motivo do Día das Letras Galegas 2024. A rexedora recibiu en María Pita a María Gómez, nai, e Susana Villalta, irmá da poeta. Tamén asistiu ao acto José Luis Rey Barreiro, presidente da Sociedade Filatélica da Coruña.
O selo conmemorativo dedicado á figura de Luísa Villata está promovido polo Concello e a Sociedade Filatélica da Coruña e emprega a imaxe coa que o Goberno municipal celebrou o Día das Letras Galegas, dedicado á poeta coruñesa. Selouse e púxose en circulación o pasado 17 de maio. A nai e irmá da escritora recibiron o sobre franqueado co selo de mans da alcaldesa e do presidente da Sociedade.
“Quero agradecer a colaboración de diferentes entidades e administracións na conmemoración destas Letras Galegas tan especiais para a cidade, enriquecendo toda a programación promovida desde o Concello para honrar a nosa querida Luísa”, sinalou Inés Rey. A Coruña foi a sede central das celebracións e dos actos institucionais polo Día das Letras Galegas 2024 que conmemoraron a obra e figura de Villlalta.
Mural no paseo marítimo
Por outra banda, remataron os traballos de creación dun mural dedicado á escritora e que estivo promovido polo Concello e Gadis. A autora é Lidia Cao, unha das muralistas máis
1
Nota de Prensa
recoñecidas da actualidade e cuxas obras están espalladas por diferentes localidades galegas.
Trátase dunha peza de 5 metros de alto e 7 de ancho realizada con pintura plástica exterior. Nela represéntase unha composición de dúas imaxes da escritora. Unha sentada enriba dun montón de libros cun caravel na man da mesma cor que as páxinas dos libros, simbolizando a vertente crítica e política de Villalta. Co predominio do azul e o mar tanto no fondo como na vestimenta da escritora. Esta conxúgase cunha imaxe en primeiro plano de Luísa, no que se representan as súas faccións e mirada tan características e persoais da escitora. Unha particular interpretación desta artista galega con proxección nacional e internacional.
“Pintar este mural significou pintar un anaquiño da historia de Luísa, nun lugar privilexiado. Poder ter contacto coa propia familia foi moi enriquecedor. Que a súa irmá me comentara que tiña os ollos verdes foi revelador para poder representar algo que para min é moi importante como a mirada”, sostén Lidia Cao, quen tamén incidiu en que “me gustou moito poder sentirme tan libre á hora de expoñer meu punto de vista artístico, o lugar escollido e todo o proceso”.
A localización escollida por Gadis en colaboración do Concello da Coruña, está pensada para que milleiros de persoas poidan visualizar o mural nunha zona tan transitada como é o Paseo Marítimo.